Semónides de Samos (ou de Amorgos) (ss VII – VI a.C.) era natural de Samos, pero o seu nome adoita relacionarse coa illa de Amorgos porque dirixiu alí unha colonia dende a súa illa natal. Aínda que parace que era Contemporáneo de Arquíloco, VII a.C., a súa poesía é ben distinta, tinxida dun pesimismo radical: a impotencia do home, sendo efémero e oprimido, a vana esperanza humana, a convicción da dor que nos rodea, son temas que figuran en primeiro plano na súa obra. Os novos tempos traen novos pensamentos. O antigo ideal heroico é abandonado en favor de novos valores. O presente e a realidade eríxense no centro poético: o artista ve neles a beleza e a capacidade de excitar sentimentos apaixonados. Adem´ais, os poetas renuncian ao anonimato e falan do “eu”. O máximo valor é aproveitar a ocasión e vivir, καιρὸν γνῶθι (Dióxenes Laercio, I 79), coñece o momento oportuno; Horacio traduciu esta máxima ao latín e deulle maior intensidade, CARPE DIEM (Odas, 1.11.8). Así que prestémonos ao amor porque Eros abandonaranos en canto se decate de que o noso cume se tinxe de branco. Das súas elexías, os antigos destacaron o seu tratamento da inutilidade das esperanzas humanas e da exhortación ao carpe diem. É imposible ter unha idea exacta do que era a obra de Semónides na Antigüidade. Xa na tradición manuscrita confundiuse a este poeta con Simónides de Ceos, debido a que ambos os nomes se pronunciaban igual polo fenómeno do itacismo. Isto provocou que algúns fragmentos pertencentes ao primeiro poeta se asignasen erroneamente ao segundo. Só uns poucos fragmentos sobreviviron.
Este poema de Semónides aborda un tema importante na moralidade popular grega: o da esperanza sen fundamento. Para os antigos, a esperanza non é necesariamente un valor positivo: lémbrese que é o único que quedou dentro da caixa de Pandora, con toda a ambigüidade que iso supón. O poema, partindo dunha cita de Homero, lembra ao oínte o carácter cambiante da vida humana e como as esperanzas dos mozos veñen temperadas pola experiencia.
Unha das primeiras manifestacións deste CARPE DIEM aparece no poeta Semónides de Amorgos. O poema iníciase cunha cita de Homero, Ilíada VI 146: οἵη περ φύλλων γενεή, τοίη δὲ καὶ ἀνδρῶν, “cal a xeración das follas, así é a dos homes”. Para seguir co tópico da vida aloucada da mocidade, ignorantes de que todo depende dos deuses, como afirmou Arquíloco: τοῖς θεοῖς τιθεῖν ἅπαντα, “aos deuses atribúeo todo” (58 D, 130 W). Con todo, os versos finais, dirixidos ao lector, aconsellan vivir e gozar: ἀλλὰ σὺ ταῦτα μαθῶν βιότου ποτὶ τέρμα / ψυχῇ τῶν ἀγαθῶν τλῆθι χαριζόμενος.
ΚΑΙΡΟΝ ΓΝΩΘΙ
Ἔν δὲ τὸ κάλλιστον Χῖος ἔειπεν ἀνήρ·
«οἵη περ φύλλων γενεή, τοίη δὲ καὶ ἀνδρῶν.»
Παῦροι μὴν θνητῶν οὔασι δεξάμενοι
στέρνοισ’ ἐγκατέθεντο· πάρεστι γὰρ ἐλπὶς ἑκάστῳ
ἀνδρῶν, ἥ τε νέων στήθεσιν ἐμφύεται.
Θνητῶν δ’ ὄφρα τις ἄνθος ἔχῃ πολυήρατον ἥβης,
κοῦφον ἔχων θυμὸν πόλλ’ ἀτέλεστα νοεῖ·
οὔτε γὰρ ἐλπίδ’ ἔχει γηρασέμεν οὔτε θανεῖσθαι
οὐδ’, ὑγιὴς ὅταν ᾖ, φροντίδ’ ἔχει καμάτου.
Νήπιοι, οἷς ταύτῃ κεῖται νόος, οὐ δὲ ἴσασιν,
ὡς χρόνος ἔσθ’ ἥβης καὶ βιότοι’ ὀλίγος
θνητοῖσ’· ἀλλὰ σὺ ταῦτα μαθῶν βιότου ποτὶ τέρμα
ψυχῇ τῶν ἀγαθῶν τλῆθι χαριζόμενος.
Unha cousa moi fermosa dixo o home de Quíos:
“igual que a xeración das follas , así tamén a dos homes”.
Que pena que poucos dos mortais, tras recibila nos oídos,
a depositaron nos seus corazóns. Pois está presente a esperanza en cada un
dos homes, a cal incluso está enraizada nos peitos dos mozos.
Mentres algún dos mortais teña a moi amada flor da xuventude,
con ánimo impulsivo. proxecta moitas banalidades;
pois non ten a esperanza de que vai envellecer nin que vai morrer
nin, cando estea san, ten a preocupación da enfermidade.
Infantís, quen teñan este modo de pensar asi, pois non saben
que o tempo da xuventude e da vida é fugaz
para os mortais; pero ti, sabendo isto, ao final da túa vida,
sé condescendente coa túa alma, desfrutando dos praceres.