Por que parece que o tempo bole coa idade?
«Moitos morren demasiado tarde, e algúns morren demasiado pronto. Aínda soa estraña esta doutrina: «Morre a tempo!» Morrer a tempo: iso é o que *Zaratustra ensina. En verdade, quen non vive nunca a tempo, como vai morrer a tempo? Ogallá non nacese xamais! Todos dan importancia ao morrer: pero a morte non é aínda unha festa. Os homes non aprenderon aínda como se celebran as festas máis fermosas. Eu móstrovos a morte consumadora, que é para os vivos un aguillón e unha promesa. O consumador morre a súa morte vitoriosamente, rodeado de persoas que esperan e prometen. Así se debería aprender a morrer; e non debería haber festa algunha en que un deses moribundos non consagrase os xuramentos dos vivos! Morrer así é o mellor; pero o segundo é: morrer na loita e prodigar unha alma grande. Eu elóxiovos a miña morte, a morte libre, que vén a min porque eu quero. E cando quererei? Todo o que queira ter fama ten que despedirse a tempo da honra e exercer a difícil arte de – irse a tempo. Hai que poñer fin ao deixarse comer no momento en que mellor sabemos: isto coñéceno quen desexan ser amados durante moito tempo. Hai, certamente, mazás acedas, cuxo destino quere agardar ata o último día do outono: a un mesmo tempo póñense maduras, amarelas e engurradas. Nuns envellece primeiro o corazón, e noutros, o espírito. E algúns son anciáns na súa mocidade: pero unha mocidade tardía mantén moza durante moito tempo. A algúns o vivir malógraselles: un verme velenoso róelles o corazón. Por iso, coiden tanto máis de que non se lles malogre o morrer. Algúns non chegan nunca a estar doces, podrecen xa no verán. A covardía é o que os retén na súa póla. Demasiados son os que viven, e durante demasiado tempo penden das súas ramas. Ogallá viñese unha tempestade que fixese caer da árbore a todos eses podrecidos e comidos de vermes!». Friedrich Nietzsche | Así falou Zaratustra